Facebook Twitter

Oasi

Carles Batlle
Oasis
Raxid: Botámonos a correr. A casiña queimábase. Saían lapas pola fiestra, a porta estaba
pechada. Oín á mamá que gritaba o nome do meu pai e que pedía auxilio. As lapas
comezaban a saír polo tellado. Quixen entrar, abrir a porta, facer algunha cousa. Non
puiden… Xavier deume unha puñada e fíxome caer ao chan; despois sentou enriba de
min e comezou a gritar con tódalas súas forzas. Pensaba que se volvera tolo. Naquel
preciso momento o teito fundiuse e xa non se oíu nada máis, só o oular do lume. Como
un silencio enxordecedor.

Xavier: Aquela noite quedaches comigo. Choramos toda a noite, e vimos como se facía
de día… Os meus pais acolleron a Raxid, com se fose un fillo, comiamos xuntos, tiñas
unha habitación propia, compartiamos todo.

Raxid: Tiña unha habitación, debaixo da escaleira, enteira para min só. Sen fiestras.
Cun leito para min só, cunha cadeira para min só. Erguíame cedo e ía á panadería
mercar o pan. Facíame a cama. Daba de comer aos cans. Collía os restos da cea,
engadíalles un pouco de pan seco e un pouco de auga e facía o caldeiro para os porcos.
Despois almorzabamos xuntos na cociña e iamos á escola.

Xavier: Sentabamos xuntos na escola.

Raxid: Ninguén quería facer os traballos comigo, dicían que non sabía, que non entendía
as cousas. Só lles interesaba que fose rápido. Gustáballes verme correr. Cando xogabamos
ao fútbol sempre me escollían de primeiro; despois, se perdiamos, dicían: por culpa túa,
mouro de merda.

Aixa: Cantos nenos había na escola?

Xavier: Trinta e cinco, máis ou menos, de tódalas idades. Queríante. Era unha maneira
de falar, sábelo. Cando volviamos á casa faciamos os deberes xuntos. Aprendiamos
xuntos. As mesmas cousas.

Raxid: Eu axudáballe á cociñeira…

Xavier: Pero faciamos os deberes xuntos.

Raxid: Ti deixábasme copiar os teus deberes.

Xavier: E despois xogabamos na sala dos xogos. Sempre rías e berrabas, lémbrome.
Atordábasme.

Raxid: E collíache as cousas e non chas quería volver.

Xavier: Os domingos iamos de caza. O papá levábanos de caza. Viamos saír o sol.

Raxid: Eu levaba as mochilas e encargábame dos cans. Daba de comer aos cans, como
cada día. Os cans queríanme. Eles si que me querían, lambíanme a cara e durmían aos
meus pés.

Xavier: O meu pai dábache a escopeta. Eu estaba celoso.

Raxid: O teu pai facíame cargar coa escopeta. Eu odiaba os domingos.

Xavier: Pero ti disparabas.

Raxid: Non me gusta disparar.

Xavier: Rías. Os meus pais queríante.

Raxid: Si, queríanme.

(Pausa.)

Raxid: A túa nai nunca entrou a darme un bico antes de ir durmir. (Pausa.) Os domingos
ti vías como saía o sol, eu víao cada día. Aínda o vexo cada día.

Xavier: Raxid…

Raxid: Que?

Xavier: Cres que temos os mesmos recordos?

Raxid: Retemos fragmentos do pasado. Pregúntao. Ninguén che saberá dicir por que
estes e non outros, pero..

Xavier: Compartimos experiencias…

Raxid: Pero non compartimos os recordos. E aínda que o fixésemos, nunca sería o
mesmo…

Aixa: Quizais é mellor que deixemos as fotos para outro día.

Xavier: Quizais si. (Silencio.) Boas noites.

(Xavier sae. Pausa.)
Traduït per Afonso Becerra
Carles Batlle, Oasis. A: Revista Galega do Teatro, núm. 55 (2008).
Carles Batlle, 2008
Comentaris sobre obres
Zoom (2010)
per Enric Gallén
Fragments
Oasi
Español | Français | Gallec
Suite
English | Español | Français
Temptació
Deutsch | English | Español | Français | Italià | Portuguès | Turc | Txec
Ressenyes
Bibliografia
Altres
Cercador d’autors
A-B-C-D - E-F-G - H - I
J - K - L - M - N - O - P - Q - R
S-T-U-V-W-X-Y-Z
Traduccions de la literatura catalana
Podeu consultar més pàgines sobre la literatura catalana en traducció a:
Amb el suport de: